BADULAKE ROCK 1999-2012

Badulake

Foi unha tarde de outono do 99 cando nos mandaron aviso ao local dos Sensacha para que recolleramos o equipo e sairamos pintando para Ordes a tocar no Badulake. Ao parecer a banda encargada de inaugurar o Badulake, The Virus, non aparecía. “Os da Coruña  atravesan Alfonso Molina e pérdense” pensabamos nós. E alá nos fomos, non lembro se foi un primo, unha tía ou incluso a avoa quen nos levou a Ordes. Para dotar todo aínda de máis dose de intriga, os  Sensacha daquela estabamos sen cantante, co cal decidimos arriscar e ir igual facendo eu de algo así como cantante.
Finalmente, cando xa estaba todo montado e probado os da Coruña apareceron en Ordes. Houbo que desmontar o noso pequeno backline e montar os seus amplis vintage aínda que a estrela da noite foi o baixo de Anxo (máis ben o de Suite do Chícharo) que os The Virus nos querían mercar. Con todo, Sensacha abriu o concerto estreando o ciclo de concertos da que co tempo sería unha das salas máis emblemáticas do país, o BADULAKE ROCK. Alí vimos como se estreaba o segundo disco dos Zënzar Todo vai ben, coñecemos aos Sugar Less, aos alemáns nacionalizados galegos Río Bravo, fomos peinados polos Túzaros,  Trut 69 e T.C.A. O Badulake foi o escaparate no que as bandas da comarca lle presentamos ao mundo a nosa música. O Só son Sons de Presencia Zero, Almas da noite de Kastomä, Último esforço do Chícharo Psicótico, Xénese dos DKTC, e un longo etc.
Pois ben, este sábado día 28 o Badulake colgará o cartel de pechado e alí estaremos para darlle a despedida que se merece as bandas da comarca. Kastomä, Familia Caamaño, Zënzar, Ruxe Ruxe, Machina, e algunha que outra estrea mundial.
Ídesvolo perder?

Gonzalo.Machina.

P.D. Para os que non o saibades, Sensacha era unha banda de Rock na que estivemos Anxo (Machina), Diego (K-Raxe), Prego (Chícharo), Cristina de Mercurín (voz 98-99), Estefanía  (voz dende o 2000) e eu mesmo Gonzalo.

Machina no Badulake